Que espazo ocupará a hostalaría e o turismo no seu programa?

Tanto a hostalaría como o turismo constitúen unha parte moi importante da economía da nosa cidade e, de feito, representan bastante por enriba do 20{b3705fbade47c0bd3c2291fcde81d9ee637c57ad114296e99373bbcf1bd450b5} do seu PIB. En ambos casos, son principais xeradores de emprego e determinantes no modelo de cidade. En consecuencia, ocuparán unha parte significativa, tanto do programa como das prioridades da acción de goberno no caso de que así o decida a cidadanía nas eleccións do 26 de maio.

Que medidas tomarían para desestacionalizar e para aumentar a estancia media daqueles que nos visitan?

Santiago ten que ter un proxecto turístico propio, unha producción turística específica, un traballo cos turoperadores e unha oferta orientada a consolidar a cidade como centro turístico. Iso quere dicir que, a maiores do que acabo de expoñer, hai que promover un programa de actividades na nosa cidade e dende a nosa cidade, que teña como obxectivo incrementar a estadía media dos turistas: actividades culturais (exposicións, concertos, etc), deportivas (coa organización de todo tipo de campeonatos) ou mesmo a organización de excursións dende Santiago. Nada impide, coas distancias que hai en Galicia, que Santiago sexa o punto de partida para ir dende aquí un día ás Rías Baixas, outro día ás Rías Altas, outro á Ribeira Sacra e outro a cidades como A Coruña ou Vigo. Debemos aproveitar a posición central de Santiago en Galicia, territorialmente e tamén en relación coas vías de comunicación. Todo isto plasmarase na actualización e desenvolvemento dun Plan Estratéxico de Turismo.

Que posición teñen con respecto ao Plan Especial da Zona Vella?

Somos partidarios de facer un balance e unha diagnose de execución do Plan Especial, corrixindo, modificando e mellorando aqueles aspectos que se entenda que xa non corresponden ás necesidades actuais ou que simplemente non deron o resultado desexado. Non somos partidarios de meternos en procesos sen saber a donde nos levan e, así, cremos que é preferible determinar previamente os cambios a facer e, despois, poñelos en práctica. Por último, pensamos que unha asignatura fundamental que está fracasando estrepitosamente é a xestión do Plan Especial, dende o punto de vista do apoio á rehabilitación e da tramitación de licenzas. Non é aceptable un prazo superior a tres meses para tramitar unha licenza.

Debería instaurarse en Santiago unha taxa turística?

A día de hoxe, a verdade, non o vemos. Debemos ter en conta que Santiago está no centro de Galicia e para adoptar unha decisión deste calado, debemos avaliar o impacto que tería no sector e na cidade. Sen saber a repercusión, non se pode tomar unha medida como é a taxa turística, sobre todo cando temos na cidade centos de pisos turísticos en situación irregular e fóra de control aos que a taxa non se lles aplicaría. Así, habería un incremento do agravio comparativo coa hostalaría regulamentada.

Contemplan accións que axuden a fomentar o consumo nos bares e restaurantes?

Evidentemente, é necesario impulsar a realización de eventos que sirvan para incentivar a mellora dos servizos de restauración e para a súa posta en valor, como foi no seu día o Forum Gastronómico. Dun xeito específico, consideramos moi importante recuperar un evento desas características e desa trascendencia, entre outras iniciativas similares.

Cal é o Santiago que se imaxina dentro de catro anos?

Penso que as cidades non se modifican nun prazo de catro anos, senón que normalmente requiren de períodos máis longos. Pero hai que dar pasos e eu imaxínome unha cidade que superou con éxito o reto e a oportunidade do ano Xacobeo 2021, unha cidade moito máis atractiva e acolledora dende o punto de vista do investimento e para os residentes, e unha cidade amable e con servizos de calidade que melloren notablemente os que se están prestando a día de hoxe.