Que espazo ocupará a hostalaría e o turismo no seu programa?

Calquera forza política que queira gobernar este Concello terá que asumir o papel principal que a hostalaría e o turismo ten na economía local. Velaí que vaia ocupar un lugar central no noso programa, non son só con propostas específicas, senón con outras que estarán relacionadas con ambos sectores, como poden ser a xeración de emprego, a iniciativa empresarial ou o financiamento a través do Instituto Municipal de Crédito que formulamos desde Compromiso por Galicia.

Que medidas tomarían para desestacionalizar e para aumentar a estancia media daqueles que nos visitan?

Hai que recuperar a cidade como destino e non como lugar de paso. O Goberno municipal  ten que ir da man do sector para poñer en valor as moitas posibilidades que ofrece Santiago ao longo de todo o ano. Ser unha cidade universitaria recoñecida, cunha intensa actividade científica e profesional, e tan viva culturalmente, son potencialidades suficientes para aumentar o volume de actividade de congresos e de eventos no Concello. Isto debe ir acompañado do diálogo e a concertación co resto das administracións públicas para formular políticas turísticas sostidas no tempo. Por exemplo, é necesario apelar ao acordo entre todas elas para que se asuma, de vez, que Lavacolla debe ser o aeroporto principal de Galicia e así superar o horizonte dos tres millóns de pasaxeiros.

Que posición teñen con respecto ao Plan Especial da Zona Vella?

O Plan Especial da Zona Vella debería ser unha deses Pactos de Cidade, así, con maiúsculas, que requirise un grande acordo non só entre as diferentes forzas políticas, para que non dependera de a quen lle toque gobernar, senón tamén o resultado do diálogo entre a veciñanza, o comercio e a hostalaría afectada. Desde Compromiso asumimos que o Plan Especial debe ser tan ambicioso como realizable, que debe ter distintos graos de esixencia, e que tamén deben alongar o seu ámbito de acollida.

Debería instaurarse en Santiago unha taxa turística?

Debería. Pero é unha competencia autonómica e ben sabido é que o goberno da Xunta non está polo labor. Con todo, non paga a pena laiarse. Desde o Concello fican alternativas para facer que aquelas persoas que veñen gozar da nosa cidade podan contribuír ao financiamento do gasto turístico. De feito, a negativa de Feijóo a que haxa unha taxa turística debe agudizar a nosa imaxinación: a taxa turística está pensada para a xente que fai noite en Santiago e nos últimos tempos só o 29% dos turistas quedan aquí máis de dúas noites. Existen fórmulas que poden facer que sexan as empresas que organizan excursións as que paguen un canon por volume de clientes que traian.

Contemplan accións que axuden a fomentar o consumo nos bares e restaurantes?

Hai cousas nas que o mellor que se pode facer é non estorbar. Quero dicir que o traballo do Concello debe ser o de formular melloras a través das políticas turísticas, namentres que o fomento do consumo nos locais debería depender da propia actividade comercial e empresarial dos locais. Isto é, a obriga do goberno municipal debe ser o de atraer máis xente a Santiago para convertelos en clientes potenciais e que sexa o negocio local quen desenvolva a oferta.

Iniciativas como SantiagoéTapas está máis que consolidadas e desde Compromiso estamos sempre abertos a calquera medida que estimule a actividade económica da cidade. Outra posibilidade é a de potenciar as festas de barrio nos barrios restantes de Santiago, ou a de promover a difusión da gastronomía e a cociña compostelá.

Cal é o Santiago que se imaxina dentro de catro anos?

Imaxínome unha cidade na que calquera persoa que resida nela poda desenvolver o seu proxecto vital. Co inicio da campaña moitas serán as veces que escoitaremos o de proxecto de cidade. Pero a nosa ambición debe ser a de converter o proxecto de cidade no espazo no que cada quen poda desenvolverse plenamente.  Coido que poucos obxectivos poden ser tan ambiciosos como o de facilitarlle á veciñanza a posibilidade de materializar o seu soño laboral, empresarial, académico ou familiar. E para iso, Compromiso traballará para que Santiago sexa ese lugar dentro de catro anos, onde a creatividade, o emprego e o emprendemento sexan centrais na acción política. E todo isto é compatible  cun Santiago con 100.000 habitantes; cun desemprego por debaixo do 10%; coa capacidade de crear tanta riqueza como para volver a ser a terceira cidade en produto interior bruto de Galicia; en definitiva, unha cidade no que ser capital non sexa só un valor administrativo, senón a vocación de ser o verdadeiro motor de todo o país.

Non sei se en catro anos, pero si que imaxino un futuro no que nos restantes 312 concellos galegos, cando queiran enfrontar un problema ou encarar un reto, pensen “como fixeron en Santiago?”.