TODO LISTO PARA A SEGUNDA EDICIÓN DO SANTIAGO PAIXÓN DOCE

24 Mar TODO LISTO PARA A SEGUNDA EDICIÓN DO SANTIAGO PAIXÓN DOCE

O vindeiro 7 de abril arrancará a segunda edición do Santiago Paixón Doce, programa gastronómico que naceu no 2016 baixo a marca de “Compostela Gastronómica” coa idea de promocionar como atractivo turístico durante a Semana Santa a tradición larpeira da cidade.

Organizado de maneira conxunta por Turismo de Santiago e a nosa Asociación, o programa desenvolverase do 7 ao 17 de abril. Unha trintena de establecementos, que inclúen cafeterías, restaurantes, reposterías, confiterías e panaderías, servirán durante eses días preparacións como bolos de vento, torradas, tortas e outros doces inspirados neste tempo de paixón.

Un deles é a panadería Pan da Moa. Á súa fronte está Guillermo Moscoso que nos fala nesta entrevista do doce máis tradicional da Semana Santa compostelá: a Rosca de Pascua.

Cal é o doce por excelencia da Semana Santa compostelá?
O doce por tradición da Semana Santa compostelá é a Rosca de Pascua. É máis, en Galicia non existían as Roscas de Reis. Son unha versión da Rosca de Pascua. Despois foron chegando outro tipo de elaboracións con chocolate, monas ou ovos. Son influenzas doutros lugares, da zona do Mediterráneo. De Valencia e Cataluña, sobre todo.

Que características ten a Rosca de Pascua compostelá?
É unha masa doce feita con manteca de vaca cocida, azucre, fariña, sal, anís, fermento, ovos e raiadura de limón ou laranxa. É unha masa moi sinxela, humilde, pobre, por así dicilo, que mediante o uso de ovos e saborizantes como pode ser o anís ou a laranxa, fai un doce típico que se podía comer en Pascua. Porque xa sabemos que en Pascua non se poden tomar algúns determinados alimentos segundo a relixión cristiá.

É unha masa que precisa moitas horas de fermentación, moi esponxosa, aireada, cunha estrutura de miga que debe ser un pouco fibrosa… A verdade é que é un doce que a xente de Santiago valora moi ben e gusta moito. En canto a sabor, é doce, con toques de fermentación, lácteos e sabores finos a anís e cítricos.

É o que máis se vende en Semana Santa aínda que haxa outras sobremesas?
A nivel panadería, con moita diferencia é o que máis se vende. A carga de traballo aumenta moito. Tes que facer xornadas máis longas e con toda a xente traballando sen poder coller días libres. Nós podemos vender en toda a Pascua unhas mil. Aínda que tamén depende dos anos. E de se chove ou non. Por se a xente marcha de Santiago ou queda. O día máis forte é o Domingo de Pascua. Xa o sábado véndense bastantes. E o Xoves, Venres Santo e Domingo de Resurrección tamén se venden moitas.

Sempre se elaborou esta Rosca da mesma maneira?
Máis ou menos si. Eu recordo que na panadería da miña avoa incluso había a tradición de que os clientes ían coa súa masa a cocela neses días. Facían a masa na casa e ían a cocela no forno. Ou incluso amasaban alí na propia panadería. Era moi bonito porque vías moita xente na panadería, que non eran profesionais, pero é que fai 25 anos os obradoiros eran moi abertos. E fai só dez anos aínda a xente che traía ovos para que fixeramos a masa! É un produto ancestral que ten moita historia detrás.

 

LOCAIS PARTICIPANTES NO ‘SANTIAGO PAIXÓN DOCE’ 2017

Bicoca, Metate, O Celme do Caracol, Los Caracoles, Cre-Cotte, Casino, Cervantes, Airiños Aires, Enxa, Rey, Stollen, A Charca, Góndola, Góndola II, A Grella, Herma Pastelería, La Alacena de Cris, Farggi, Don Quijote, Pastelería Ébano, Pan da Moa, A Curtiduría, Reno e Taberna de Montes.



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR