O vindeiro 2 de xullo entrará en vigor a nova Lei de Espectáculos de Galicia, unha norma que pode dar lugar a sancións por acoller actividades culturais nos locais de hostalaría nocturna. Ata o de agora, en Santiago existía un convenio asinado entre o Concello e as asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito que se renovaba cada tres meses e que permitía que se celebrasen estas actuacións no interior dos mesmos. Sen embargo, neste trimestre xa non se renovou como medida preventiva de cara á posta en marcha da nova lei da Xunta.

Por este motivo, o pasado luns o xerente da nosa Asociación, Ramón García, foi entrevistado no programa Hoy por Hoy Santiago, que conduce Luis Pardo (podes escoitar a súa intervención a continuación, a partir do minuto 0:21:30). García sinalou que este é un tema que “hay que estudar cun pouco de calma” e tratar de “buscar unha solución” porque suporía “unha perda importante para Santiago”. O noso xerente incidiu en que o problema está en que as actuacións no interior dos locais “hai que harmonizalos cos contidos das licenzas, segundo sexa café-bar, pub, etc”.

García apuntou que xa se está a traballar para, “entre todos”, solucionar esta situación. “A noite xa desde hai moitos anos non xera os problemas que había antes. Entón tampouco entendemos moi ben por que con certos locais de hostalaría hai certa animadversión”, subliñou. E por que se toma a decisión de non renovar xa neste trimestre o convenio se a nova Lei non entra en vigor ata o 2 de xullo? “Cremos que é posible que o Concello teña certo medo e por iso se tomen estas medidas de precaución. Pero non habendo un problema real grave, porque non creo que a xente estea disconforme con este tipo de actuacións, non entendemos moi ben por que se fai agora. Está claro que algo hai pero non sabemos o que”, concluíu.

Foto: http://festivalfeitoaman.gal/