A Asociación Hostelería Compostela vén de asinar un acordo de colaboración co Concello de Noia para promocionar excursións gratuítas dun día á vila mariñeira desde Santiago para ofrecer a aqueles que pernocten na nosa cidade. O obxectivo é conseguir aumentar a estancia media dos turistas en Compostela, que actualmente continúa en un día e medio.

A presidenta de Hostelería Compostela, Sara Santos; a vicepresidenta, Rita Sobrado; o directivo Sergio Fernández e o xerente, Ramón García, foron onte invitados á primeira das excursións organizada polo Concello de Noia, coa fin de coñecer en primeira persoa en que consistirán ditas viaxes. Tamén acudiron á visita outros hosteleiros da cidade.

A excursión partiu da dársena de Xoán XXIII ás 11:30 horas de mañá. Unha vez na vila coruñesa foron recibidos polo concelleiro de Cultura, Pepe Pérez. Despois desprazáronse a coñecer a cofradía e os bancos marisqueiros, onde puideron degustar produtos da ría e falar co secretario da Cofradía, Adelino Freire, e Ignacio Fernández, colaborador do Concello. A continuación, visitaron a Casa Consistorial e outros monumentos, para regresar a Santiago xa pola tarde.