A Unión de Consumidores de Galicia presentou hoxe nas instalacións da Asociación Hostelería Compostela o seu ‘Estudo de opinión sobre o impacto do Turismo en Galicia’, un traballo que xorde das máis de setecentas enquisas que UCGAL levou a cabo durante o último trimestre de 2017.

Os resultados deste traballo foron presentados polo secretario xeral da UCGAL, Miguel López, acompañado pola presidenta de Hostelería Compostela, Sara Santos.

O estudo aporta a visión que galegas e galegos teñen sobre a actividade turística na nosa comunidade. Durante a súa intervención, Miguel López, fixo fincapé na importancia de elaborar sondaxes de opinión que recollan o sentir da sociedade arredor de cuestións que non lle son alleas como a taxa turística, a masificación dos espazos públicos ou a xentrificación. Sara Santos valorou de xeito moi positivo este tipo de iniciativas porque “é primordial escoitar a voz dos veciños e veciñas. Estamos a falar dun sector, o turismo, do que vivimos moitos na cidade, e que xera unha riqueza moi importante”.

Respecto á cifra de visitantes que recibe Galicia, un 84% dos enquisados considera que hai destinos turísticos masificados e un 81,5% está a favor de implantar medidas para controlar o fluxo de turistas en certos espazos da xeografía galega. Malia esas cifras, máis da metade dos participantes no estudo (53,24%) valoran como “axeitado” o número de turistas que cada ano visitan Galicia. A xuízo da UCGAL este dato parece apuntar a que, de momento, nos movemos en valores ideais.

Neste senso, Sara Santos apuntou que no caso de Santiago o problema está na concentración do turismo en determinados espazos. “Desde esta Asociación vimos desde fai tempo solicitanto e apoiando políticas que favorezan a desestacionalización do noso turismo e tamén a súa ordenación e reparto por toda a cidade. De nada serve un turismo que visita a Catedral, da unha volta polas rúas que a rodean e marcha, que nin pernocta, ou apenas o fai un día, e non consome”, asegurou. “Vimos insistindo tamén desde fai tempo na falta de información que reciben os turistas sobre a oferta cultural e patrimonial da cidade máis aló da Zona Vella. Esa é unha labor que estamos a facer desde os hoteis pero que non consideramos suficiente”, engadiu.

Preguntadas polas vantaxes relacionadas coa actividade turística, as persoas participantes consideran que as principais son o aumento dos postos de traballo e saídas laborais (73%), a revalorización do patrimonio (48%) e o aumento da oferta de lecer e restauración (46%). Entre os resultados chama a atención a elevada porcentaxe de enquisados (45%) que valoran positivamente o enriquecemento cultural pola interacción entre residentes e visitantes.

Así mesmo, entre os inconvenientes máis votados pola cidadanía están a conxestión dos espazos públicos (un 72%), os danos ó medio ambiente (60%) e o ruído e polución (44%). Neste apartado, a xentrificación, aparece en cuarto lugar cun 36%, dato que evidencia o avance desta problemática en Galicia.

Para finalizar, UCGAL destaca que existe un amplo consenso social sobre a necesidade de que os axentes implicados no desenvolvemento da actividade turística incrementen a calidade da mesma, de procurar a desestacionalización do fluxo de visitantes e de promover a participación da poboación local na toma de decisións referentes ó desenvolvemento turístico.

LE AQUÍ O ESTUDO COMPLETOhttps://consumidores.gal/wp-content/uploads/2018/04/Informe-Opinión-Turismo.pdf