Unha delegación da Xunta Directiva da Asociación Hostelería Compostela – na que se atopaban a súa vicepresidenta, Rita Sobrado; o secretario Sergio Fernández e o vogal Lois Lopes; ademais do xerente, Ramón García – asistiu á charla-coloquio sobre a Lei de Espectáculos Públicos de Galicia que impartiu o deputado do PPdeG Alberto Pazos Couñago onte na sede da asociación Compostela Monumental na Algalia de Arriba. 

Na súa intervención, Hostelería Compostela reiterou a opinión de que Santiago é unha cidade tranquila e segura, na que o ruído non é un problema real. Ademais reclamou que non se politice a situación, senón que se traballe para buscar unha solución que permita conciliar o descanso dos veciños co desenvolvemento normal das actividades culturais nos locais de hostalaría. Reclamouse tamén un esforzo aos lexisladores para acabar coa inseguridade xurídica que viven na actualidade os empresarios hostaleiros e, sobre todo, que se revise convenientemente o catálogo de actividades de espectáculos públicos. 

Hostelería Compostela defendeu tamén que o sector sempre ten mostrado alta disposición para solucionar problemas que se poden ter dado de maneira puntual, con pedagoxía coa propia clientela e con campañas específicas como o FALANDO BAIXIÑO que ultimamente se ten desenvolto. 

Manifestou tamén unha vez máis que de existir algunha cuestión puntual está disposta a estudala con todos os axentes implicados para conseguir a harmonía entre a veciñanza. 

DEFENDAMOS A ACTIVIDADE CULTURAL E O OCIO NA HOSTALARÍA!  

DEFENDAMOS A CIDADE E OS SEUS SECTORES ESTRATÉXICOS!  

DEFENDAMOS O DIÁLOGO E O DEBATE!