A sede da Asociación Hostelería Compostela acolleu esta tarde unha asamblea aberta a todo o sector hostaleiro compostelán na que se deu conta da proposta da nova modificación da Ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería.

Tras ser atendidas parcialmente as alegacións feitas pola Asociación ao texto aprobado inicialmente polo Concello no pasado mes de xullo, a Asamblea decidiu dar o seu visto bo por unanimidade á modificación da Ordenanza, que será presentada polo Goberno local en Pleno.

A principal alegación tiña que ver co artigo 16.5 que sinala que “con carácter xeral a terraza deberá situarse acaroada á fachada do establecemento e a súa lonxitude limitarase á da fachada do local do que é auxiliar”. Engadindo que só “excepcionalmente” se podería separar a terraza do local ata un máximo de vinte metros”. Unha redacción que, en opinión do sector, era moi restrictiva e xeraba inseguridade xurídica e indefensión dos propietarios dos negocios porque deixaba a decisión ao criterio subxectivo da Administración. No novo texto, que se redactou tras varias reunións cos responsables do Concello, substitúese o termo “excepcionalmente” por “xustificadamente”. Desde xeito, a terraza que se sitúe “acaroada á fachada ou na liña de bordo da beirarrúa, e sempre que non se soliciten ambas ocupacións simultaneamente, poderá autorizarse superar os límites da fachada do establecemento, previa solicitude debidamente fundamentada á que debe achegarse autorización dos propietarios dos locais comerciais estremeiros”.

Tamén se valorou de xeito positivo que se conceda media hora para recoller as terrazas unha vez concluído o tempo de servizo e que se inclúa a legalización das terrazas interiores. Ademais de que o novo texto permite modificar a disposición das mesas das terrazas sempre que se manteñan no espazo concedido e respecten a mobilidade do público e do persoal.